


Como dicía José Martí, a patria é a humanidade. En todos os países, nos que un estivo e nos que non estivo, hai xente que polo que pensa, polas súas actitudes, polo que fai, polo que sente, pola súa solidariedade, son como compatriotas dun. A patria de cada un está formada desa xente. Porque no propio país houbo tamén torturadores, corruptos, e eses non son compatriotas meus.
Mario Benedetti
Que é a Burla Negra
A Burla Negra é un instrumento aberto da Pepa Loba que funciona como ‘caixa de resistencia e solidariedade’ para que xs activistas poidan facer fronte ás circunstancias adversas derivadas da súa acción e que busca:
- Colaborar para que xs activistas poidan sufragar as multas derivadas da súa acción.
- Construír campañas de denuncia de represión social e política.
- Servir como ferramenta onde denunciar situacións de represión social e política.
Soña e serás libre en espírito, loita e serás libre en vida.
Che
Achegas
Instrucións Achega
- Á esquerda aparecen reflectidos os nosos datos. Só tes que empregar eses datos no sistema que teñas coa túa entidade bancaria, tal e como fas con calquera pago regular.
- Por defecto enténdese que a túa achega faise á Burla Negra. Se queres facer unha achega a unha Alerta Antirrepresiva específica insire no “Concepto” o nome da Alerta Antirrepresiva.
- Se queres saber se nos chegou a túa achega, envíanos un correo co asunto “Achega” ao correo e en canto a recibamos, informarémosche da recepción da mesma.
Agora entendo que o meu benestar só é posible se recoñezo a miña unidade con todos os pobos do mundo sen excepción.
León Tolstoy

Burla Negra
O mito…
A Burla Negra foi un barco pirata que asucaba o Atlántico en busca de botín. Aparecía de súpeto de entre a néboa sen que as vítimas notasen a súa presenza ata que xa era demasiado tarde e, polo tanto, non tiñan nin a máis mínima posibilidade de defenderse. Era o barco máis rápido do Atlántico e a súa tripulación caracterizábase pola súa bravura e un alto sentido da xustiza.
Na Burla só cabían xs amantes da liberdade. Só eran benvidas aquelas persoas que non estiveran sometidas máis que á súa propia vontade e que, polo tanto, conducíanse sen medo e sen respectar as normas establecidas. A Burla Negra non atacaba aos barcos de bandeira española, pero non navegaba baixo a bandeira de ningún país nin baixo a de ningún deus. Tanto a tripulación coma o barco en si, aínda que estaban capitaneadas por Benito Soto, non tiñan dono. Na Burla Negra só se acataba o código da pirataría (todxs tiñan dereito a voto, o botín repartíase a partes iguais,…), ao que estaban sometidxs todxs por igual. O capitán era capitán porque a tripulación así o decidía, non dependía de ningún outro factor.
A Burla Negra foi en orixe un barco negreiro antes de se transformar en barco pirata e os seus membros, que conformaban parte daquela tripulación, son persoas que se embarcan nese navío para gañarse a vida pero que, pouco a pouco, van cuestionándose o funcionamento de tal empresa. O tratamento deshumanizado dxs escravxs, o mal carácter e a falta de escrúpulos dos altos mandos así como o trato inxusto á tripulación, fai que Benito Soto e un grupo de mariñeiros decidan amotinarse mentres o barco se atopa fondeado na costa africana. Unha vez toman o barco, abandonan en terra á tripulación e liberan aos escravos convidándoos, se eles así o queren, a se unir a elxs.
De alí parten cara a unha illa onde decidirán que plan seguir. Pintarán todo o barco con chapapote, para así poder camuflarse con facilidade entre a néboa e a noite; izarán a bandeira pirata e comezarán as súas andanzas abordando todo tipo de barcos de onde sairán sempre victoriosxs. Despois de apoderarse do barco e do seu botín, abandonaban á tripulación en terra, afundían o barco e repartían o botín a partes iguais entre todxs xs piratas.
Os tesouros da Burla Negra atópanse escondidos en diferentes illas do atlántico e en Galiza. Nalgúns casos a tripulación tiña que repousar en terra e soían pedir acubillo en casas de persoas pobres, ás que sempre agasallaban cun anaco do botín acadado se accedían.
Os días da Burla Negra rematan cun erro do temonel que fai que o barco embarranque e parte da tripulación sexa apreixada. Benito Soto, que nun primeiro momento consegue escapar, vai ser denunciado por unha das súas primeiras vítimas, quen o identifica, e acabará os seus días aforcado polos ingleses.
Hai quen di que hoxe a Burla Negra, con Benito Soto á cabeza, aparece nas noites de néboa pecha en alta mar cando a codicia ou a inxustiza fan presenza nalgún dos barcos que navegan polo Atlántico, especialmente en latitudes pŕoximas á costa galega.
A Burla Negra fica no imaxinario colectivo como un símbolo de liberdade e xustiza. De non sometemento ás normas establecidas en busca do futuro esperado. Aínda que non está totalmente demostrado crese que José de Espronceda dedicou á figura de Benito Soto a Canción do Pirata.
[…]
Que é o meu barco? O meu tesouro.
Que é o meu Deus? A liberdade.
A miña lei? A forza e o vento!
A miña única patria? A mar!
[…]
… A realidade
A principios do século XX, no areal de Santa María en Cádiz, as fortes mareas deixaron ao descuberto os restos dun bergantín e centos de moedas cuñadas no século XVIII.
Tratábase da “Burla Negra”, o barco capitaneado polo galego Benito Soto, o derradeiro pirata do século XIX, aforcado en Xibraltar en 1830*.
Nado no barrio da Moureira en Pontevedra en 1805. Empezou traballando con seu pai e irmáns na pesca, e xa moi novo embarca nun mercante polos mares do Atlántico, enrolado nun barco dedicado ao tráfico de escravos, chamado “El Defensor de Don Pedro”. Na costa de África, xunto co seu segundo, Víctor Barbazán, deciden amotinarse e abandonar o resto da tripulación en Ghana. Rebautizan o barco coma “A BURLA NEGRA”.
A partir dese momento dedícanse á piratería e atacan canto barco atopan no seu camiño, agás barcos españois. As súas principais vítimas son ingleses, americanos e portugueses, acadando unha reputación sinistra . Nace a lenda da Burla Negra e nas tascas mariñeiras de Inglaterra, a omnipresente ameaza da “Black Joke” aparece a cada intre.
Tras cinco anos de saqueos e abordaxes: Morning-Star, Sumbury, Cessnock, Topacio, New Prospect, etc, deciden repartirse as riquezas e retirarse. “A Burla Negra” pon rumbo ao peirao de Pontevedra, camuflado baixo o pseudónimo “Buen Jesús y las Ánimas”.
En abril de 1828 a Burla Negra bota áncora e traslada parte do tesouro a terra (que se oculta para vendelo posteriormente). Logo fai o mesmo na Coruña e o 5 de maio parte cara a Cádiz. O 9 de maio, por mor dun temporal, embarrancan nas areas de Santa María (Cádiz). Os piratas, cheos de cartos, fan festa rachada na capital gaditana durante seis días, son recoñecidos por unha das súas primeiras vítimas e son prendidos. Benito Soto e outros tres conseguen fuxir a Xibraltar onde, finalmente, son detidos e xulgados polos ingleses. O 25 de xaneiro de 1830 Benito Soto é aforcado, o seu corpo, despezado e a súa cabeza, espetada nunha alcaiata para escarnio público. As súas derradeiras palabras foron: “Adeus a todos, a función rematou!”.
*Algúns datos apuntan a que sucedeu en 1833.
Benito Soto
O mito…
Benito Soto é unha persoa grande e forte que non ten medo de nada nin de ninguén. A súa figura aparece como a dun home xusto pero implacable. Unha persoa que nace nunha casa de orixe mariñeira moi humilde no barrio da Moureira de Pontevedra, que se ve abocado a buscarse a vida dende moi novo; cuestión que forxará o seu carácter espilido, aventureiro e independente. Entende que vive nun mundo no que as desigualdades e a inxustiza son factores omnipresentes polo que se rebela de xeito continuo contra iso. Benito Soto é unha persoa cunha altísima lealdade ás persoas do seu pobo e ás súas ideas de xustiza e liberdade. Por esta cuestión ataca sempre navíos cargados de botíns onerosos doutras bandeiras diferentes da española. E por isto mesmo é polo que soe compartir un pequeno anaco do seu botín coas persoas que non teñen recursos cando está en terra e lle ofrecen acubillo.
… A realidade
Nado nunha nunha humilde casiña do nº 31 do camiño de San Roque de Abaixo, no barrio da Moureira en Pontevedra en 1805. Mozo alto (medía case dous metros), grande e forte, de ollos negros e a cara marcada pola virola. Empezou traballando con seu pai e irmáns na pesca, e xa moi novo, con 17 anos, embarca nun mercante dedicado ao tráfico de escravos polos mares do Atlántico, chamado “El Defensor de Don Pedro”. Na costa de África, amotínase no ano 1827 e abandona aos non amotinados en Ghana á súa sorte. Nace aí a lenda da Burla Negra e inícianse as andanzas de Benito Soto que vai ser bautizado como o “último pirata do Atlántico”. Soto e o resto da tripulación amosaranse implacables e crueis, sendo a frota británica a grande afectada.
Cando acada un cuantioso botín, pon rumbo a Pontevedra onde ancorará e descargará parte do botín en abril mudando o nome da Burla polo do pseudónimo “Buen Jesús y las Ánimas”. Logo de facer o mesmo na Coruña, o 5 de maio parte cara a Xibraltar. O 9 de maio embarranca nas areas de Santa María (Cádiz). Os piratas, cheos de cartos, fan festa rachada na capital gaditana durante seis días e son prendidos. Benito Soto e outros conseguen fuxir a Xibraltar onde, finalmente, son detidos e xulgados. O 25 de xaneiro de 1830 Benito Soto é aforcado, o seu corpo, despezado e a súa cabeza, espetada nunha alcaiata para escarnio público. Cóntase que antes de ser colgado axudou ao seu verdugo a cinguir ben a soga e dirixiuse á xente expectante e berrou: “Adeus a todos, a función rematou!”; e que xusto despois de colgado, debido ao seu grande tamaño, o verdugo tivo que cavar na terra porque os pés tocábanlle o chan.
Contribuidorxs
Como podo contribuír a unha “Campaña” ou a unha “Alerta Antirrepresiva” específica?
Simplemente hai que seleccionar a “Campaña” ou “Alerta Antirrepresiva” á que se queira contribuír economicamente, premer no botón e inserir os datos no formulario que se abre para facer o pago dixitalmente.
Se se prefire tamén se pode facer o pagamento a través dos datos que aparecen reflectidos no apartado “Achegas”. Só se teñen que empregar eses datos no sistema que se teña coa entidade bancaria, tal e como se fai con calquera pago regular.
No caso de que se queira facer o pago en efectivo débese contactar a través do correo info@pepaloba.org e indicarase onde e como hai que facer o ingreso.
Pódese colaborar economicamente en máis dunha “Campaña” ou “Alerta Antirrepresiva”?
Si. Unha persoa pode contribuír ao financiamento de cantas “Campañas” e/ou “Alertas Antirrepresivas” estime oportuno.
Pódese colaborar economicamente varias veces nunha mesma “Campaña” ou “Alerta Antirrepresiva”?
Si. Unha persoa pode contribuír cantas veces estime oportuno ao financiamento dunha “Campaña” e/ou “Alerta Antirrepresiva”, mentres esta estea activa.
Hai algún tipo de sistema que evite a posibilidade de estafas?
Antes do lanzamento dunha “Campaña” ou dunha “Alerta Antirrepresiva”, xs súas/seus impulsorxs e a Pepa Loba asinan un contrato. Mediante a sinatura deste documento xs impulsorxs comprométense a desenvolver as accións e/ou iniciativas presentadas para as cales solicitan a axuda económica e a empregar o 100% do financiamento acadado nas mesmas na fin indicada.
No suposto de que x/s impulsorx/s non cumprisen os compromisos asinados, e tras esgotar outras vías baseadas na relación de confianza, na negociación e no trato directo, a Pepa Loba resérvase o dereito a emprender as accións legais que estime oportunas contra x/s mesmx/s.
Que se debe indicar no apartado “Concepto” dunha “Achega” a unha “Campaña” ou “Alerta Antirrepresiva”?
Débense seguir os mesmos pasos que para facer unha doazón.
Débese ter en conta, cando se faga a operación na entidade bancaria, inserir no concepto a palabra “Achega” seguido do nome do caso, da “Alerta Antirrepresiva” ou da “Campaña” á que se queren destinar os cartos (Achega: Nome da Alerta Antirrepresiva ou Doazón: Nome da Campaña).
Hai que lembrar que se non se indica no concepto o nome da “Campaña” ou da “Alerta Antirrepresiva” concreta, entenderase que simplemente se fai unha doazón á Pepa Loba.
Necesito cubrir o código Swift BIC?
O código Swift_BIC só é necesario que o cubran aquelas persoas que vaian realizar pagos dende fóra do Estado Español.
Alertas antirrepresivas
Que son as “Campañas”?
Unha “Campaña” é cada unha das liñas de crowdfunding que se abren coa finalidade de poder financiar un proxecto. Cando se saca unha “Campaña” búscase, ao mesmo tempo, xerar un material breve coa información básica dun proxecto para que quen a impulsa poida difundir o proxecto a través de diversos espazos.
Que son as “Alertas Antirrepresivas”?
As “Alertas Antirrepresivas” é a denominación que reciben cada un dos casos de represión que se abren dentro da Burla Negra, para os que se abre unha liña de crowdfunding coa finalidade de que poidan facer fronte ás sancións que reciben. Cando se saca unha “Alerta Antirrepresiva” búscase, ao mesmo tempo, xerar un material breve coa información básica dun caso para que quen impulsa esa “Alerta Antirrepresiva” poida difundir o caso a través de diversos espazos.
Que pautas ten que ter unha “Campaña” para poder abrila?
As “Campañas” da Pepa Loba deben respectar os principios da Asociación, así como desenvolver proxectos, iniciativas e/ou accións de carácter social, cultural, ecolóxico, científico, educativo ou tecnolóxico; que teñan como base a construción de alternativas e resposta social ao sistema actual e busquen, en último termo, un beneficio para o maior número de persoas.
Fronte a isto, as “Campañas” en ningún caso se abrirán a iniciativas, proxectos e/ou accións que non respecten os seus principios ou que teñan como finalidade o lucro, o proceso de venta de produtos ou servizos, así como tampouco campañas de sorteo, campañas de recadación de fondos para beneficencia, nin tampouco campañas publicitarias ou de “autobombo” (como, por exemplo, as campañas electorais ou campañas comunicativas de captación de socixs).
En todo caso a aceptación definitiva dunha campaña dependerá das persoas que conforman o equipo de Coordinación da Pepa Loba.
Que casos poden solicitar unha “Alerta Antirrepresiva”?
As “Alertas Antirrepresivas” xestionaranse a través da Burla Negra, que é un instrumento especificamente deseñado pola Pepa Loba.
A Burla Negra empregarase para atender aqueles casos nos que haxa persoas vítimas de represión social e/ou política.
En ningún caso se empregarán os fondos para soportar cuestións que non estean relacionadas co activismo.
En todo caso a aceptación definitiva dunha “Alerta Antirrepresiva” dependerá das persoas que conforman o Equipo de Coordinación da Pepa Loba.